Amosando publicacións coa etiqueta Lingua Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lingua Galega. Amosar todas as publicacións

28 de novembro de 2017

Correspondencia co CEIP Anxo da Garda

Este ano volvemos a contactar co colexio Anxo da Garda da Coruña. O ano pasado falarámoslles de como é a nosa contorna e sobre o colexio e as súas actividades. Este curso comezamos de novo a actividade contándolles que fixemos este verán.


Queredes escoitarnos?


3 de abril de 2016

CHARLA LITERARIA CON FRANCISCO CASTRO

O escritor Francisco Castro visitou o CPIP Virxe da Cela para un coloquio literario co alumnado de Monfero e Irixoa sobre tres dos seus libros: “O neno can” (do que tamén é coautora Fina Casalderrey), “Chamádeme Simbad” e “O corazón da Branca de Neve”. 
 No transcurso da actividade, o escritor vigués desvelou algunhas das claves do proceso de creación literaria e respondeu ás cuestións dos cativos e cativas da ESO sobre estas obras da súa autoría. Tamén tivo ocasión de visionar unhas curtametraxes elaboradas no colexio e inspiradas nos seus relatos. Francisco Castro declarou estar impresionado por esta iniciativa dos alumnos e felicitounos polo traballo desenvolvido a prol da promoción da lectura. Finalmente, foi obsequiado cun pequeno volume editado no centro con composicións literarias e ilustracións feitas polos nenos de Irixoa e Monfero como homenaxe a “O neno can” 

O coloquio transcorreu nun ambiente de complicidade entre o autor e os seus lectores, dada a empatía xerada por Francisco Castro dende o primeiro momento e o interese que as súas narracións espertaron entre os máis novos.







BOOK TRAILERS 2015-2016 

DICIONARIO PLURILINGÜE DAS FRAGAS DO EUME


Lucía Rielo, a profe de inglés de EI e EP, vén de realizar un interesantísimo traballo co seu alumnado de 3º e 4º de EP na propia materia de inglés: un dicionario que recolle o nome das árbores e da fauna máis comúns da contorna das Fragas do Eume.

 Cada termo exprésase en galego, castelán e inglés amais de acompañarse por unha imaxe identificativa. Como punto de partida preguntóuselle aos rapaces e rapazas que elementos coñecían da natureza das Fragas e a partires daquí iniciose a investigación. 
 Posteriormente cada alumno encargouse da procura de dous termos. Unha vez atopados, tiveron que cubrir unha plantilla: nomes nos distintos idiomas e imaxes. 

Con esta actividade tan divertida e interesante os alumnos e alumnas poderán identificar a flora e a fauna da zona a la par que avanzarán no coñecemento tanto das nosas línguas oficias como dunha lingua estranxeira.

29 de marzo de 2016

CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE

      Imaxinemos a vida na Galicia rural de fai décadas, cando todo era choiva, frío, escuridade e as xentes quedaban pola noite á carón do lume a contar historias de medo, escoitando de lonxe os aullidos dos lobos e o vagar da Santa Comapaña. Felipe Díaz, coñecido artísticamente como "Catoxo", evocounos eses tempos antergos, na sesión de contacontos “Cando petan na porta pola noite” ( un título moi evocador tomado do libro de relatos de Xavier P. Docampo editado por primeira vez en 1994), dirixida ao alumnado da ESO e realizada o pasado martes 6 de outubro de 2015. 
    E…que mellor que contar os nosos medos e fobias para ir abrindo a sesión? Falamos da aracnofobia, agorafobia, bibliofobia, claustrofobia e outros tipos de fobias ou medos que nos poden chegar a paralizar. Fixemos un percorrido pola xeografía galega para encadrar as historias de Xavier P. Docampo, visitando desde a Terra Chá ate espazos moito más próximos á nosa contorna, como a Serra da Loba, Cambás e Aranga. Precisamente nesta zona transcorre o conto de “A loba”, unha historia de amor entre Silvestre e Isaura cun tráxico final. E quedamos sen saber o final do conto “O cumpremortes”, así que agora toca descubrilo a través das páxinas do libro. Cataxo arrincou gargalladas entre o público coa súa espontaneidade, a riqueza da súa fala e o seu estilo peculiar, mais algunhas risiñas nerviosas foron conta do medo…


26 de xuño de 2015

20 de maio de 2015

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO







O 23 de abril de 1616 foi data do falecemento de dúas grandes figuras da literatura mundial: o español Miguel de Cervantes e o británico William Shakespeare. Esta data foi elixidas para celebrar o Día Internacional do Libro, unha conmemoración internacional promovida pola UNESCO desde o ano 1995. Tamén se supón o 23 de abril como o día da morte de San Xurxo (no ano 303), un santo que foi moi venerado na idade media como un símbolo do triunfo do ben sobre o mal. Existen moitas lendas que asocian a San Xurxo montado sobre un cabalo branco e dando morte a un dragón. 

O CPI Virxe da Cela quixo sumarse a esta conmemoración levando a cabo un acto simbólico o pasado xoves 23 de abril de 2015, convocando a todo o alumnado e profesorado do centro para facer a entrega de premios de diplomas do “Concurso de dragóns” (organizado polo departamento de plástica en relación ao proxecto Dragal, do Equipo de Dinamización da Lingua Galega) e uns fermosos marcapáxinas cun lema que potencia a lectura e unha representación de San Xurxo.





PROXECTO DRAGAL

DRAGAL I: A HERDANZA DO DRAGÓN


ELENA GALLEGO ABAD



                    Se premedes nesta imaxe poderedes acceder á web oficial de Elena Gallego Abad

Elena Gallego Abad, nada en Teruel o 27 de maio de 1969, é unha xornalista e escritora galega. Criouse en Verín. Iniciouse como xornalista en 1987 na emisora de Radio Ourense, pertencente á Cadena SER. Até 1999 traballou noutras emisoras como Radio Minuto Santiago (Ondas Galicia), Radio Popular Ourense (Cadena Cope), Voz de Galicia Radio (Verín) e Onda Cero Ourense Traxectoria. Entre 1994 e 1996 colaborou como redactora e fotógrafa para os xornais La Voz de Galicia e La Región. En 1999 pasou a traballar no Faro de Vigo nas delegacións de Ourense e Pontevedra. Dende 2002 traballa en Cangas. Pertence ao Colexio Oficial de Xomalistas de Galicia e á Federación Internacional de Periodistas. Iniciouse como escritora coa novela Dragal, a herdanza do dragón, publicada por Edicións Xerais en abril de 2010. 

Obra literaria Narrativa 
-Dragal, A herdanza do dragón, 2010, Xerais. 
-Dragal II. A metamorfose do dragón, 2011, Xerais. 
-Dragal III. A fraternidade do dragón, 2012, Xerais. 

Premios 
-Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense no apartado de Medios Audiovisuais no 2008, pola produción e realización do programa A Fiestra, de Onda Cero Ourense. 
-Finalista do IV Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil no 2009, por Dragal, a herdanza do dragón. 
-Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de 1º e 2º da ESO do 2012, por Dragal.

LENDAS DA PONTE DO PORCO

En pleno século XXI, época na que os humanos pasamos grande parte das nosas vidas relacionándonos e  interactuando con máquinas e dispositivos en lugar de facelo cos nosos iguais, César Cambeiro ensinou unha valiosísima lección ao alumnado de 1º e 2º da ESO do CPI Virxe da Cela: a importancia de saber falar, comunicarse e dominar a arte das palabras.

Partindo da historia que se narra no libro Dragal I: a herdanza do dragón, escrito por Elena Gallego Abad e que constitúe o fío condutor do Proxecto Dragal (coordinado polo Equipo de Dinamización Lingüística e no que participan diferentes departamentos), César Cambeiro mergullouse no fantástico mundo das lendas, da mitoloxía, dos seres fantásticos, das crenzas e supersticións, etc… Toda unha enciclopedia de saber, o noso patrimonio inmaterial, unha importante fonte de riqueza que debemos de valorar, respectar e axudar a transmitir para que siga viva nas vindeiras xeracións.

Un prato cociñado con moita retranca e humor galego e condimentado tamén con esencia poética, que puidemos saborear durante as dous sesións de tarde do xoves 16 de abril de 2015 nunha intensa actuación na que César Cambeiro puxo toda a carne no asador, e de que maneira…!  A intensidade da actuación subía e baixaba como unha montaña rusa, e mesmo o público retorcíase a gargalladas para pasar, ipso facto, a un estado de sutil encantamento  ollando sen palpebrar e escoitando con máxima atención os versos de amor de Roxín Roxal á súa amada Tereixa, protagonistas dunha fermosa lenda ambientada na Ponte do Porco, lugar onde o noso coñecido río Lambre únese á inmensidade da mar.



PLANIFICACIÓN PROXECTO DRAGAL 3º TRIMESTRE



VIAXE A UN PASADO MILAGREIRO. PROXECTO DRAGAL

Na clase de Reli os alumnos e alumnas de 1º ESO realizamos unha pequena viaxe a unha parte do pasado milagreiro dá nosa contorna para comprender que ás lendas, os mitos, os contos... son tamén unha pista da nosa cultura, das nosas tradicións... Nelas descubrimos paisaxes, montañas, vales...emprendemos unha viaxe que nos perde no tempo para encontrarnos cos nosos antepasados, con deuses case esquecidos, con santos, heroes, ritos sorprendentes, narracións dignas de ser oídas. A nosa tradición é a nosa historia, e a nosa historia é parte importante de nós. Todos os pobos parten nos seus inicios, dunha historia que é mais lenda que verdadeira testemuña fiel, pero non por iso esta deixa de ser menos valida, mais ben todo o contrario, en canto un pobo toma como propio un mito ou unha lenda, pasa a integrar a súa realidade e configurar parte da súa historia.
Nesta viaxe achegámonos aos montes de Monfero, Eume, Aranga, Sobrado e Toques, para descubrir a riqueza arquitectónica e cultural que posuen.

A continuación tedes o traballo de investigación feito polos rapaces e rapazas de 1º da ESO.

Certame “Elixe o teu dragón”



17 de marzo de 2015

Entroido en Irixoa

Toca investigar e celebrar  o Entroido na nosa comarca.


Festa en post da tradición e da cultura intimamente relacionada cos usos e costumes relacionados co medio natural. 

Queres gozar desta viaxe?
Ademais descubrimos o libro " O Antroido nas Mariñas dos Condes" de Xosé Raimundo Núñez Lendoiro, 
grazas a Alex que o trouxo da biblioteca.









5 de marzo de 2014

Radio na aula: "Radio Itinerante Creativa"

                                             www.radioitinerantecreativa.blogspot.com.es/


O noso taller de radio esta sendo unha experiencia estupenda. Agradecemos a Radio Itinerante Creativa
(Sergio Pascual e Lucia Abarrategui) o seu traballo e bo facer. 

Un bico de todos.

Picade na imaxe e escoitade a evolución desta experiencia. 

2 de xuño de 2013

Xogos, xoguetes e brinquedos da nosa comarca

Os xogos, xoguetes e brinquedos tradicionais están intimamente relacionados co medio natural, ben porque precisan del para o seu desenvolvemento (espazos e recursos), ben porque transmiten valores educativos de primeira orde (valoración, coidado, respecto…).  
Igualmente os xogos tradicionais permiten integrar dunha forma lúdica e construtiva as aprendizaxes persoais e son espazo propicio para a construción de actitudes e valores de compañeirismo, solidariedade e respecto cara o medio, o tempo que facilitan o contacto real co mundo natural e o desenvolvemento dun sentimento de pertenza ao mesmo, namentres permiten transformar a natureza de forma consciente en actividade lúdica.
En definitiva, coa sua recollida e desenvolvemento quixemos dinamizar o tempo de lecer a partir do patrimonio lúdico galego integrando valores ambientais de primeira orde.


As fragas do eume: un ecosistema singular

Unidade didáctica para o 2º e 3º ciclo de Ed. Primaria sobre "os seres vivos, punto de comezo dun proxecto interdisciplinar desenvolto ao longo do curso centrado nas singularidades patrimoniais da nosa comarca e realizada a partir da formación específica para o profesorado do proxecto ABALAR.


A horta máxica

A historia que a continuación presentamos  representa perfectamente a importancia da paisaxe na vida cotiá do alumnado. No momento de crear unha historia, a paisaxe que nela mostran, esta intimamente relacionada co medio no que nos desenvolvemos e as relacións amosadas teñen valores propios do mesmo.
A narración dos feitos foi realizada por Laura Vila Picallo e as ilustracións por Aldara Pita Pico.
Ambas representan o espírito de superación e de colaboración, a capacidade de aprender a aprender e a autonomía e iniciativa persoal que impregnan todas as nosas actuacións.


A gastronomía, parte da cultura dos pobos

A gastronomía forma parte do patrimonio cultural  “in”tanxible dos pobos. Non só cobre unha necesidade biolóxica, senón que tamén representa a paisaxe como recurso.
Igualmente, configúrase como elemento diferenciador dun estilo de vida que perdura de xeración en xeración sen necesidade de transcribirse.

Cociña diaria e cociña festiva, que une xentes, palabras e feitos e que desde a clase de 5º curso de Primaria queremos homenaxear coas receitas que as  nosas familias foron atesourando en lumes e fogóns.


Anosagastronomía from Camino

Traballo da aula de 5º curso de Ed. Primaria do CPI Virxe da Cela sobre a gastronomía da nosa Comarca elaborado coa colaboración das familias.

19 de maio de 2013

LUME NAS FRAGAS



O ano pasado arderon as Fragas do Eume. Xa fai un ano que pasou e non podemos deixar de recordalo neste blog no que a paisaxe é o centro de todo. No mes de abril do pasado curso fixemos unha actividade para reflexionar sobre este grave problema que sufre Galicia. a actividade titulábase: NON QUEIMES O TEU FUTURO.


Así se plantexou dita actividade:


Os seguintes fragmentos son frases que se puideron escoitar nas conversas das xentes os días pasados cando arderon as Fragas do Eume.
 Escolle dúas ben por ser opostas ou por complementariedade. Logo debuxa unha viñeta na que aparezan dúas personaxes cas frases escollidas. Se queres expoñer outras opinións que non estean aquí, podes engadir frases.
 Por último xuntaremos todas as viñetas feitas por cada un e expoñerémolas co obxecto de  facer unha reflexión sobre o problema dos incendios.
  • Con este tempo está todo moi seco e arde como a pólvora
  • Cada ano chove menos e con isto do lume aínda será peor.
  • Un rompe o lombo para ter limpo o seu e resulta que non vale para nada.
  • Se prohibisen mercar madeira queimada xa verías como se acababa co lume.
  • Tiña que haber mais medios para loitar contra o lume.
  • Cada un deberiamos de limpar o noso.
  • Isto é unha ruína para a caza..
  • Calquera descoido, dunha cabicha, botellas ou fogueira mal apagada pode ser nefasta.
  • Se estivese todo limpo non ardería.
  • O lume póñeno os cazadores.
  • Se chovese non habería tanto lume.
  • O lume póñeno os da madeira para mercala regalada.
  • Andalucía é máis seca ca nós e non arde tanto.
  • O lume só non se estende tanto, isto é cousa dun pirómano.
  • As terras están abandonadas por non poder vivir delas.
  • Tiña que haber máis axudas para coidar o monte.

A continuación podedes ver algunhas de aquelas viñetas: 















Tamén na revista do noso centro (Xesteira) se publicou esta crónica:


No periódico "La Voz de Galicia" publicáronse algunhas viñetas que nos serviron de exemplo: