Amosando publicacións coa etiqueta Colaboracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Colaboracións. Amosar todas as publicacións

25 de novembro de 2016

OBRADOIRO RCP

A intervención rápida ante unha parada cardio-respiratoria é vital para que os equipos de emerxencia poidan actuar e salvar vidas. Por esta razón, o pasado 15 de novembro, organizouse desde o departamento de orientación e educación física, en colaboración co CHUAC unha charla dirixida a todo o alumnado da ESO e 5º e 6º de educación primaria, dentro do “Programa de Divulgación en Doazón e Transplantes”
Na primeira sesión, impartida por Alejandro, enfermeiro do CHUAC, vimos os aspectos básicos da Doazón de órganos e tecidos.
Na segunda sesión, Fernando, médico da UCI, despois das pautas básicas teóricas sobre a RCP (Reanimación Cardiopulmonar) ensinou ao alumnado a realizar a maniobra de forma práctica.
Toda unha experiencia que repetiremos coa formación básica para alumnado e profesorado dentro do Plan deportivo de centro.







3 de abril de 2016

GRUPO DE INVESTIGACIÓN DE EDUCACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO

VISITA FUNDACIÓN REPSOL



Talento, compromiso, coñecemento, innovación… elementos fundamentais para a construción dun futuro sostible: para a esta meta se dirixen os esforzos do CPI Virxe da Cela, a Fundación Ayuda en Acción e a Fundación Repsol nunha aposta conxunta. Utilizando como materia prima a enerxía das persoas, estes tres colectivos tiveron a oportunidade de intercambiar puntos de vista e construír os cimentos de futuras actuacións durante unha primeira visita ao noso centro educativo (mércores 18 de novembro de 2015). Foi unha estancia curta pero moi produtiva. 

Tras as presentacións oficiais o equipo directivo e un representante da ANPA acompañaron aos nosos convidados a asistir a unha clase de programación dentro do proxecto Genios, promovido por Fundación Ayuda en Acción en colaboración con Google.org. Ignacio Egea (vicepresidente da Fundación Repsol) e Javier Inclán (director da area social e institucional de Repsol) puideron comprobar de primeira man que o noso centro aposta por romper a brecha dixital e que grazas ao compromiso de Ayuda en Acción os nosos alumnos e alumnas están a adquirir ferramentas e competencias que os capacitarán tanto para o seu futuro profesional como para o desenvolvemento integral como persoas e cidadáns, xa que en todo o proceso educativo prima o traballo en equipo e os valores. 

 Como broche final o alumnado de 3º da ESO guiou un programa radiofónico en directo onde os principais actores deste traballo conxunto tiveron a oportunidade de expresarse. Beatriz Varela, técnico de Ayuda en Acción, explicou detalladamente a liña de actuación do programa de innovación tecnolóxica Smartick que se está a desenvolver co alumnado de primaria, e xa pasando a un plano máis persoal relatou a súa experiencia como voluntaria nos proxectos educativos que Ayuda en Acción está levando a cabo en América Latina. Yon Penas, encargado de impartir docencia no noso centro dentro do programa Genios, manifestou a súa admiración tanto polas ganas e motivación do noso alumnado como pola cantidade e variedade de actividades que se están a desenvolver no noso centro. 

As palabras de despedida de Ignacio Egea e Javier Inclán quedarán flotando nas ondas e no espazo e esperamos que sigan resoando e facendo eco nos oídos dos nosos nenos e nenas, xa que ambos directivos de Repsol salientaron que para soñar e construír o futuro non fai falla gasolina, senón a simple enerxía que produce a mente e o corazón.





CHARLA LITERARIA CON FRANCISCO CASTRO

O escritor Francisco Castro visitou o CPIP Virxe da Cela para un coloquio literario co alumnado de Monfero e Irixoa sobre tres dos seus libros: “O neno can” (do que tamén é coautora Fina Casalderrey), “Chamádeme Simbad” e “O corazón da Branca de Neve”. 
 No transcurso da actividade, o escritor vigués desvelou algunhas das claves do proceso de creación literaria e respondeu ás cuestións dos cativos e cativas da ESO sobre estas obras da súa autoría. Tamén tivo ocasión de visionar unhas curtametraxes elaboradas no colexio e inspiradas nos seus relatos. Francisco Castro declarou estar impresionado por esta iniciativa dos alumnos e felicitounos polo traballo desenvolvido a prol da promoción da lectura. Finalmente, foi obsequiado cun pequeno volume editado no centro con composicións literarias e ilustracións feitas polos nenos de Irixoa e Monfero como homenaxe a “O neno can” 

O coloquio transcorreu nun ambiente de complicidade entre o autor e os seus lectores, dada a empatía xerada por Francisco Castro dende o primeiro momento e o interese que as súas narracións espertaron entre os máis novos.







BOOK TRAILERS 2015-2016 

1 de xuño de 2015

Actuación artística: "A árbore das cores"

Intervención imaxinativa  que pretende ser quen de reforzar a singularidade do patio escolar que conta cun importante abano de especies arbóreas.

A intervención consistiu en decorar CDs de desfeito e con eles resaltar as arbores coas que contamos, empregándoas como espazo expositivo. 

Foron decorados polo alumnado de 6º de Ed. Primaria e polo alumnado de ESO.


Gústavos?







20 de maio de 2015

PROXECTO DRAGAL

DRAGAL I: A HERDANZA DO DRAGÓN


ELENA GALLEGO ABAD



                    Se premedes nesta imaxe poderedes acceder á web oficial de Elena Gallego Abad

Elena Gallego Abad, nada en Teruel o 27 de maio de 1969, é unha xornalista e escritora galega. Criouse en Verín. Iniciouse como xornalista en 1987 na emisora de Radio Ourense, pertencente á Cadena SER. Até 1999 traballou noutras emisoras como Radio Minuto Santiago (Ondas Galicia), Radio Popular Ourense (Cadena Cope), Voz de Galicia Radio (Verín) e Onda Cero Ourense Traxectoria. Entre 1994 e 1996 colaborou como redactora e fotógrafa para os xornais La Voz de Galicia e La Región. En 1999 pasou a traballar no Faro de Vigo nas delegacións de Ourense e Pontevedra. Dende 2002 traballa en Cangas. Pertence ao Colexio Oficial de Xomalistas de Galicia e á Federación Internacional de Periodistas. Iniciouse como escritora coa novela Dragal, a herdanza do dragón, publicada por Edicións Xerais en abril de 2010. 

Obra literaria Narrativa 
-Dragal, A herdanza do dragón, 2010, Xerais. 
-Dragal II. A metamorfose do dragón, 2011, Xerais. 
-Dragal III. A fraternidade do dragón, 2012, Xerais. 

Premios 
-Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo da Deputación de Ourense no apartado de Medios Audiovisuais no 2008, pola produción e realización do programa A Fiestra, de Onda Cero Ourense. 
-Finalista do IV Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil no 2009, por Dragal, a herdanza do dragón. 
-Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de 1º e 2º da ESO do 2012, por Dragal.

LENDAS DA PONTE DO PORCO

En pleno século XXI, época na que os humanos pasamos grande parte das nosas vidas relacionándonos e  interactuando con máquinas e dispositivos en lugar de facelo cos nosos iguais, César Cambeiro ensinou unha valiosísima lección ao alumnado de 1º e 2º da ESO do CPI Virxe da Cela: a importancia de saber falar, comunicarse e dominar a arte das palabras.

Partindo da historia que se narra no libro Dragal I: a herdanza do dragón, escrito por Elena Gallego Abad e que constitúe o fío condutor do Proxecto Dragal (coordinado polo Equipo de Dinamización Lingüística e no que participan diferentes departamentos), César Cambeiro mergullouse no fantástico mundo das lendas, da mitoloxía, dos seres fantásticos, das crenzas e supersticións, etc… Toda unha enciclopedia de saber, o noso patrimonio inmaterial, unha importante fonte de riqueza que debemos de valorar, respectar e axudar a transmitir para que siga viva nas vindeiras xeracións.

Un prato cociñado con moita retranca e humor galego e condimentado tamén con esencia poética, que puidemos saborear durante as dous sesións de tarde do xoves 16 de abril de 2015 nunha intensa actuación na que César Cambeiro puxo toda a carne no asador, e de que maneira…!  A intensidade da actuación subía e baixaba como unha montaña rusa, e mesmo o público retorcíase a gargalladas para pasar, ipso facto, a un estado de sutil encantamento  ollando sen palpebrar e escoitando con máxima atención os versos de amor de Roxín Roxal á súa amada Tereixa, protagonistas dunha fermosa lenda ambientada na Ponte do Porco, lugar onde o noso coñecido río Lambre únese á inmensidade da mar.



PLANIFICACIÓN PROXECTO DRAGAL 3º TRIMESTRE



VIAXE A UN PASADO MILAGREIRO. PROXECTO DRAGAL

Na clase de Reli os alumnos e alumnas de 1º ESO realizamos unha pequena viaxe a unha parte do pasado milagreiro dá nosa contorna para comprender que ás lendas, os mitos, os contos... son tamén unha pista da nosa cultura, das nosas tradicións... Nelas descubrimos paisaxes, montañas, vales...emprendemos unha viaxe que nos perde no tempo para encontrarnos cos nosos antepasados, con deuses case esquecidos, con santos, heroes, ritos sorprendentes, narracións dignas de ser oídas. A nosa tradición é a nosa historia, e a nosa historia é parte importante de nós. Todos os pobos parten nos seus inicios, dunha historia que é mais lenda que verdadeira testemuña fiel, pero non por iso esta deixa de ser menos valida, mais ben todo o contrario, en canto un pobo toma como propio un mito ou unha lenda, pasa a integrar a súa realidade e configurar parte da súa historia.
Nesta viaxe achegámonos aos montes de Monfero, Eume, Aranga, Sobrado e Toques, para descubrir a riqueza arquitectónica e cultural que posuen.

A continuación tedes o traballo de investigación feito polos rapaces e rapazas de 1º da ESO.

Certame “Elixe o teu dragón”



XIV Volta Ciclista á Provincia de A Coruña

A Deputación da Coruña organiza a XIV Volta Ciclista á Provincia, que este ano se celebrará os días 15, 16 e 17 de maio con saída dende o concello de Monfero. Precisamente alí foi onde o presidente provincial presentou a competición, no colexio Virxe da Cela, para animar aos rapaces a que participen nas actividades complementarias que levará esta proba polos concellos.

Este ano a Volta chegou a 21 concellos da Coruña, Ferrolterra, Eume e Ortegal. En concreto, o pelotón pasou por Monfero, Irixoa, Oza-Cesuras, Betanzos, Miño, Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior, Mañón, Ortigueira, As Somozas, As Pontes, Cedeira  e o último día a saída e final foi en Valdoviño, pero o pelotón tamén pasou por San Sadurniño, Neda, Ferrol, Narón, Moeche, Cerdido, Cariño e Cedeira.

Os responsables de explicar o traxecto foron os ciclistas profesionais Ezequiel Mosquera e Gustavo César Veloso que advertiron de que “eran as etapas máis duras dos últimos anos” e despois responderon ás preguntas dos estudantes.

Na presentación tamén estivo a vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Deportes, Mariel Padín, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o alcalde deste e outros municipios da zona.

O rexedor, Benjamín Rodríguez, agradeceu que a Volta saíse este ano do seu concello e animou aos rapaces a “facer deporte e compaxinalo cos estudios”. Pola súa banda, Muñiz agradeceu a “aposta” da Deputación nos últimos anos co ciclismo, unha modalidade “que cada vez atrae a máis xente. “É un deporte de élite gratis”, sinalou o portavoz da federación. 

En cada etapa, a Deputación en colaboración co Club Cambre Caeiro, organizou actividades infantís nos concellos sede co obxectivo de promover este deporte entre os máis novos.

Entre elas está a celebrada no noso centro educativo, foi todo un éxito de participación, As familias trouxeron as bicicletas de rapaces e rapazas, que xunto coa estupenda organización do  Club Cambre Caeiro pasamos unha xornada para lembrar, na que deporte e convivencia pedalearon polo deporte.

Grazas a todos!

Por último, destacar que Pedro Merino (Froiz) logrou  a vitoria final da Volta. Merino pertence ao  Grupo Deportivo Super  Froiz, que xa conseguiu oito vitorias anteriores nesta competición.
















.