8 de decembro de 2014

CONFINT, Barcelona 2014


O noso centro foi invitado a participar na CONFINT de Barcelona 2014.

A Confint (Conferencia Internacional de Xóvenes Coidemos o Planeta) é un proceso de educación ambiental que, con protagonismo dos/as rapaces/rapazas, traballa a dimensión local e global da crise medioambiental e cuxo lema é Coidemos o planeta (desde biodiversidade, cambio climático, pobreza... ata desenvolvemento social, equidad, xustiza social...).


A II Confint Estatal tivo lugar en Barcelona do 12 ao 15 de novembro. Nela participaron representantes de 10 delegacións (Palencia, Madrid, La Rioja, Galicia, Euskadi, Cataluña, Murcia, Navarra, Albacete e Canarias). A nosa delegación estivo formada por 9 alumnos, 4 do IES Carlos Casares de Vigo e 5 do CPI Virxe da Cela de Monfero, e 2 profesores.
Durante os dias que durou o encontro, alumnos, profesores e técnicos participaron en intensas xornadas cheas de conferencias, presentacións, dinámicas de grupo, obradoiros,… que culminaron o 14 no serán cunha visita a Barcelona e o 15 pola mañá coa exposición das conclusións finais.
Entre o alumnado participante das diferentes delegacións redactaron un Manifesto, que, a través dunha comisión formada por alumnos, profesores e técnicos, foi entregado a representantes do XIII Congreso Mundial de “Cidades Educadoras”, así como a representantes da Generalitat e da Confint Europea.
Na primavera do 2015 organizarase a Confint Internacional en Bruselas, na que participarán os delegados elixidos polos participantes na Confint Estatal.
Dende o CPI Virxe a Cela cremos que é fundamental a participación da nosa comunidade neste tipo de eventos, xa que é unha maneira de que os alumnos dean a coñecer e vexan valorado o seu traballo do dia a dia, e sexan conscientes de non están solos na súa loita por crear un entorno mellor, xa que como rezaba o lema desta Confint:

“Se non é agora, ¿cando?, se non somos nos, ¿quen?”

Máis información, fotos, vídeos, presentacións,…:


No seguinte enlace tedes unha presentación na que podedes faceros unha idea do que foi este encontro:
Presentación CONFINT


Participantes na Confint
Delegación galega

Manifesto da Confint

Os abaixo asinantes, alumnos e alumnas de diferentes escolas do Estado, reunímonos en Barcelona do 12 ao 15 de novembro de 2014 no marco da II Conferencia Estatal de Mozos Coidemos o Planeta.Como representantes de diversas comunidades autónomas e dos nosos respectivos centros, estamos levando a cabo moitos proxectos sobre sostibilidade e medio ambiente. O noso obxectivo é concienciar a sociedade dos perigos e desvantaxes que ten non ser coidadoso co medio ambiente e así poder aportar o noso graíño de area para cambiar o mundo.Sostémonos baixo o lema “pensa globalmente e actúa localmente” xa que nos nosos centros traballamos proxectos para a sostibilidade a nivel comarcal e local. Cremos que a educación para a sostibilidade ten que ser tratada durante toda a etapa educativa dende os cursos de infantil ata a universidade co fin de tomar conciencia da importancia ecolóxica e a sostibilidade.Presentamos de seguido unha serie de propostas mediante as cales pretendemos reclamar a importancia que ten coidar o planeta.Mirando para o noso ambiente máis próximo, a escola, presentamos as seguintes peticións:·         Que se promova unha educación sostible dende os primeiros anos, para que as xeracións vindeiras poidan e saiban coidar o noso planeta.
·         Que se dean subvencións para os centros educativos que desexen mellorar as súas infraestruturas para ser ambientalmente máis sostibles.
·         Que se poñan en marcha máis iniciativas relacionadas coa sostibilidade dende os centros escolares, así como que continúen a realizarse encontros como o do proxecto Coidemos o Planeta.
Dende a perspectiva cidadán, tamén pedimos:·         Promover as enerxías renovables a nivel de particulares, edificios públicos e empresas, facilitándolles axudas económicas para poder levalo a cabo.
·         Que dende as institucións se poñan ao alcance da cidadanía toda a información necesaria para a concienciación medioambiental.
·         Promover o uso do transporte público facéndoo alcanzable e accesible a toda a sociedade.
·         Aproveitamento de espazos públicos converténdoos en zonas ou en puntos verdes para que a poboación poida contribuír a facer a súa cidade máis sostible.
 Para rematar , uns dos obxectivos que queremos levar a cabo é que se involucren todos os centros e desta forma ser máis na loita para coidar o planeta. Esiximos aos nosos gobernantes que dean resposta a todas estas cuestións e esperamos que o teñan en conta á hora de deseñar e aplicar as súas políticas. Así mesmo pedímoslles que dean a coñecer nos seus espazos de decisión este proxecto e que estean sempre dispostos a escoitar a nosa voz, a voz dos mozos e mozas. ¿Se non é agora, cando? ¿Se non somos nos, quen? Barcelona, 15 de novembro de 2014






30 de xuño de 2014

A ARQUITECTURA POPULAR NA NOSA CONTORNA

Xa rematadas as clases e despois duns días de auténtica loucura imos colgar os vosos traballos para o proxecto Somos paisaxe, somos vida (Sostenibilidade e Paisaxe) sobre a arquitectura popular nos concellos de Irixoa, Monfero, Aranga ,Miño, Sobrado dos Monxes....Moitas grazas a todos polo voso interés pero creo que o esforzo valeu a pena. Un recoñecemento especial para os alumnos de 4,º sobre todo para Adrián e Iago na montaxe e para Martín na redación.

 Este catálogo de arquitectura popular e anónima da nosa contorna e só o inicio porque podémolo continuar dende agora mesmo facendo ese labor de búsqueda e investigación para coñecer e descubrir outras construcións relixiosas ou civís, con calquera función, que forman parte da nosa paisaxe e da nosa vida. Adrián Allegue de 4º, sempre tivo unha especial sensibilidade para detectar as intervencións desafortunadas nalgunhas construcións que nos rodean e dende 1º de ESO confecciona un arquivo sobre O Feísmo na nosa paisaxe.

O obxectivo é ensinar a ver e educar a mirada, facela atenta para comprender, interpretar e ordear a realidade logrando a comprensión da diversidade e a sensibilización cara o medioambiente comprindo unha función de ponte entre as ciencias fisicas e as sociais Queda moitísimo por facer ....Continuará!.Estamos orgullosos da nosa paisaxe..... Non esquezades levar sempre a cámara. Noraboa a todos!

E moitas grazas a profesora coordinadora da actividade: parabéns Teresa Losada. 
Material autoeditado

TRANSFORMACIÓNS E DESEQUILIBRIOS NO MUNDO ACTUAL

Os alumnos de 3º de ESO e a súa profesora Teresa Losada teñen traballado arreo para rematar as tarefas que tiñamos programadas para este  último trimestre con Cooperación Galega: O mundo que queremos e co proxecto "Sostenibilidade e Paisaxe".Os traballos abordan temas de candente actualidade que van dende  a relación entre a natureza e a sociedade ata os movementos migratorios, a globalización, a desigualdade, o desenvolvemento sostible, a xestión dos residuos, a auga....A vista dos resultados dende logo, mereceu a pena.


Material autoeditado

SOSTENIBILIDADE E MEDIO AMBIENTE EN 1º DE ESO

Dúas rapazas de 1º de ESO Tania e Laura coordinadas pola sua proferora Teresa  Losada, moi concienciadas co medio ambiente aportan uns traballos moi orixinais que incluímos en Cooperación Galega: O mundo que queremos e no proxecto "Sostenibilidade e Paisaxe". Vos si que tedes competencia dixital! Ánimo e a seguir traballando. 



A AUGA E OS OBXECTIVOS DO MILENIO

O deterioro dos recursos hídricos do planeta é unha realidade: a sobreexplotación de ríos e de acuíferos provoca a perda de ecosistemas e tamén graves conflitos entre estados. No golfo de Bengala as tronzas indiscriminadas, as inundacións e a sobreexplotación alteran o ecosistema do rio Ganges... Estados Unidos acusa a México de contaminar o río Grande perxudicando ós agricultores de Texas.. No Senegal, a intención do goberno de derivar auga do río Senegal con fins agrícolas é rexeitada por Mauritania, e o problema tamén afecta a Mali. Na aula de 3º da ESO, Sofiá e Laura coa coordinación da súa mestra Teresa Losasa Rodrígues afondaron na temática da auga e....Consideras que o problema da auga lle afecta ao mundo entero 

Xogos lúdico-manipulativos

Estamos no inverno, moitas veces non podemos saír o patio e temos que quedar xogando no comedor. Gústannos os xogos de mesa, pero sempre son os mesmos, polo que nos imos xuntar e crear os nosos propios xogos.
Reunímonos e acordamos crear un Trivial, unha Oca e un Twister da Natureza. Ditos xogos partirán das aulas de Ed. Infantil e 3º ciclo de Ed. Primaria e queremos recadar a cooperación do profesorado e das familias.
O primeiro en realizarse e o “Trivial da Natureza” xogo lúdico manipulativo no que seguindo a estrutura do “Trivial” tradicional se inclúen preguntas aportadas polo alumnado, profesorado e familias das diferentes áreas curriculares e un apartado de cultura xeral que permita identificar as singularidades da nosa comarca e do seu patrimonio.
A “Oca das Fragas do Eume” sigue a estrutura da oca tradicional, pero as súas casillas conteñen preguntas relacionadas co medio natural e co patrimonio cultural das Fragas do Eume.

O Twister das Fragas do Eume conta cos círculos de xogo ilustrados coas aves máis comúns no noso medio natural. Esta deseñado para o alumnado de Ed. Infantil.

Material autoeditado

14 de xuño de 2014

"X" XORNADA CULTURAL AMIGOS DO MOSTEIRO DE MONFERO

sábado día 7, a partir das 17:30 celebrouse o acto anual da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa María de Monfero. 


Conta cunha fermosa exposición no mosteiro na que hai fotos antigas, fotos recentes e debuxos dos nenos e nenas do Colexio Virxe da Cela.

Xa sei,que as fotos de aquí vense moi mal, non se distingue nada, pero está feito a posta, se as queredes ver ben teredes que vir de visita ao mosteiro. Seredes benvidos 

6 de maio de 2014

ELABORANDO XABÓNS SOLIDARIOS

Esta iniciativa realízase por segundo ano consecutivo no CPI Virxe da Cela, dirixida por Mª José Fandiño, a profe de CCNN, que convirte o laboratorio nun espazo para a investigación e anima aos alumnos da ESO a vestir de bata branca e facer experimentos que terán un produto final. Neste caso a fabricación de xabóns "solidarios". Este sobrenome de "solidarios" ten que ver coa súa finalidade: foron vendidos na conmemoración de San Valentín (febreiro 2014) e no VI Rastro Solidario (abril 2014), e os cartos recadados serán destinados para unha causa solidaria. 

Foi un proceso interesante, lúdico, que queremos compartir convosco a través deste vídeo. Temos a obriga de resaltar o potencial xornalístico de Adrián (3º ESO), que ten un dominio total e absoluto do micrófono, e retrasmitiu en vivo e directo todo o proceso, facendo comentarios, traducións simultánea, cuñas publicitarias, etc...

25 de abril de 2014

A maxia dos sabores


A gastronomía forma parte do patrimonio cultural  “in”tanxible dos pobos. Non só cobre unha necesidade biolóxica, senón que tamén representa a paisaxe como recurso.
Igualmente, configúrase como elemento diferenciador dun estilo de vida que perdura de xeración en xeración sen necesidade de transcribirse.

Cociña diaria e cociña festiva, que une xentes, palabras e feitos e que desde as clases Ed. Infantil queremos homenaxear coas receitas que as  nosas familias foron atesourando en lumes e fogóns.
Cociña de sensacións, de sabores, olores... en definitiva, da maxia que as profesoras de Ed. Infantil transmiten no seu día a día (Oliva e Vanesa) ,

22 de abril de 2014

SOMOS PERIODISTAS: EMISIÓN RADIOFÓNICA VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014


http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/alumnos-cpi-virxe-da-cela-monfero-realizan-programa-radio-solidario/20140421002227082721.html
                                   www.diariodeferrol.com (Pica na imaxe para ver a noticia)


A celebración do VI Rastro Solidario e Operación Quilo 2014 supón un día moi especial para o CPI Virxe da Cela. O venres 11 de abril de 2014 o noso centro realizou unha xornada de portas abertas, e ademais dos nenos e nenas, profesores e profesoras, os corredores recibiron a visita de familias, que se achegaron á nosa escola para participar activamente nesta actividade. Coincidindo coa realización do obradoiro de radio “Laboratorio Radiofónico”, que se vén desenvolvendo todos os venres no noso centro desde o pasado mes de febreiro e dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 4º da ESO, tivemos a idea de realizar unha gravación especial dedicada á VI Edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014.
Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria, dentro das actuacións do proxecto "Sostenibilidade e paisaxe" entrevistaron a Belén e Yoli, dúas das nais que viviron de cerca esta experiencia: dedicaron parte do seu tempo axudando aos máis pequenos a elixir os obxectos e realizar o troco de alimentos, axenciáronse a cámara de fotos para documentar a actividade, e incluso unha delas aportou gran cantidade de bisutería realizada artesanalmente utilizando as cápsulas de nespresso e que tivo grande éxito de vendas… Aproveitando a visita de Mª José e Bea, da Fundación Ayuda en Acción, fixémoslles tamén unha entrevista para ver o seu punto de vista. Ambas agasallaron ao noso centro cun montón de críticas positivas, e sabemos que o convenio de colaboración coa Fundación Ayuda en Acción que firmamos o pasado mes de decembro de 2013 vai dar moitos froitos.

Tamén entrevistamos a Verónica, unha das profes coordinadoras de Monferosolidario, que resaltou a importancia desta actividade para sensibilizar a toda a comunidade educativa, e contamos tamén cos comentarios de varios alumnos e alumnas, que amosan grande entusiasmo e satisfacción ao sentirse partícipes dunha acción que vai axudar ás persoas máis necesitadas.





9 de abril de 2014

Distrito forestal de Ferrol: obradoiro de concienciación medioambiental


Estupendo obradoiro ambiental realizado polo persoal do Distrito Forestal de Ferrol (Cristina e Luís) grazas ao cal apreciamos e valoramos a grandeza e a importancia das árbores e da auga.

Ademais, nós te propoñemos que deixes no muro a túa opinión, inquedanzas ou sentimentos sobre as árbores e o consumo responsable da auga. É moi sinxelo, basta con picar dúas veces no mesmo.

8 de abril de 2014

O Mosteiro de Monfero para nós



Created with Padlet


A asociación "Amigos do Mosteiro de Monfero" invitounos a participar na I Exposición de debuxo "Pinta o teu Convento". Aquí tedes unha mostra dos traballos. 

Nós, aparte te propoñemos que deixes no muro a túa opinión, inquedanzas ou sentimentos sobre este ben patrimonial. É moi sinxelo, basta con picar dúas veces no mesmo.

7 de abril de 2014

Exposición “ O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”


A exposición “ O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción” que o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA)trasladou ao noso centro os problemas medioambientais máis importantes do noso planeta.

5 de marzo de 2014

Radio na aula: "Radio Itinerante Creativa"

                                             www.radioitinerantecreativa.blogspot.com.es/


O noso taller de radio esta sendo unha experiencia estupenda. Agradecemos a Radio Itinerante Creativa
(Sergio Pascual e Lucia Abarrategui) o seu traballo e bo facer. 

Un bico de todos.

Picade na imaxe e escoitade a evolución desta experiencia. 

20 de febreiro de 2014

Revista Galega do Ensino (EDUGA) publica o noso proxecto

http://www.edu.xunta.es/eduga/513/plan-proxecta/unha-paisaxe-unica-unha-escola-unica



www.edu.xunta.es

No número 66 (xullo - decembro 2013) da Revista Galega do Ensino ven de publicarse un artigo sobre o desenvolvemento deste proxecto no seu primeiro ano de andaina.

Aquí tedes o enlace ou clica na imaxe.

Esperamos que vos guste e agradecemos o interese da publicación.

12 de febreiro de 2014

Verbas esquecidas en Monfero e Irixoa


Blog da actividade "Verbas esquecidas" realizada polo alumnado de 1º de ESO do noso centro educativo.

Cada estudante recolle información no seu contorno: familia, veciños... sobre palabras que xa non se utilizan e con todas elas compoñemos un “dicionario de verbas esquecidas en Monfero e Irixoa”. Moitas de estas palabras aínda son coñecidas por algúns, pero en moitos casos refírense a tarefas, obxectos... que xa non se usan, por iso hai un risco de que se perdan nas seguintes xeracións.

Tedes o enlace ao mesmo na parte superior.

Nova actividade



Dentro do proxecto Sostebilidade e Paisaxe estamos a por en marcha unha actividade de recollida de imaxes en prol da valoración, difusión e análise da comarca onde nos enmarcamos. 
Con ela, ademais queremos acadar a participación do conxunto da comunidade educativa e de diferentes institucións públicas e privadas.
Tedes o enlace ao mesmo na parte superior.

FOTOGRAFÍA EN CURSO: A PAISAXE XEOGRÁFÍCA

A fotografía das paisaxes xeográficas permítenos analizar como as sociedades usan e transforman os recursos que atopan na naturaleza e como organizan o espazo no  que viven. 

Falamos de paisaxes con obxetos naturais e sociales propios que cada sociedade, que a partir do seu devenir, traballo e  tecnoloxía, son quen de transformar o medio natural e modelar o espazo vital e de desenvolvemento das súas actividades. 


                                              FOTOGRAFÍA EN CURSO: PAISAXES


10 de febreiro de 2014

FOTOGRAFÍA EN CURSO: ESPAZOS BALEIROS

Os alumnos de 4º da ESO de Educación plástica e visual  e o alumnado do 3º ciclo de Ed. Primaria comezaron a traballar a paisaxe a través da fotografía. Esta é unha mostra dos traballos dentro da temática "ESPAZOS BALEIROS":

ESPAZOS BALEIROS, alumnado 3º ciclo Ed. Primaria


8 de decembro de 2013

" A nosa paisaxe, a nosa vida" na Facultade de Formación do Profesorado

Estupenda experiencia a vivida polo alumnado do 3º ciclo do CPI Virxe da Cela na Facultade de Formación do Profesorado da USC (Campus de Lugo). Invitados por Marta Poncet Souto (Coordinadora da Titulación  de Grao de Educación Primaria en dita Facultade) e por Rufino  González Fernández (Subdirector da Facultade Universitaria de Formación del Profesorado do Campus de Lugo, USC) presentaron o proxecto no marco das materias  de Socioloxía da Educación e Didáctica e Tarefas Docentes ao alumnado do Grao de Ed. Primaria.  

Foi unha forma de dar a coñecer as prácticas metodolóxicas do centro, a nosa configuración como paisaxe cultural e como non, poñer en práctica as nosas habilidades como comunicadoras e comunicadores. 

Tamén sinalar a repercusión que esta actividade tivo nos medios de comunicación. Destacamos a reportaxe publicada polo xornal "El Progreso", e que incluímos na seguinte imaxe. 
  image  
                                      elprogreso.galiciae.com  

28 de outubro de 2013

"A nosa paisaxe, a nosa vida" na revista "Escuela - Acción"

A revista  "Escuela - Acción" do grupo de investigación educativa da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC) "Escuela - Acción" ven de publicar no seu segundo número un artigo sobre a experiencia realizada polo CPI Virxe da Cela ao abeiro do Plan Proxecta, na modalidade "12 meses 12 paisaxes". 

Agradecemos o seu interese.




Podedes coñecer a publicación e a colaborar coa mesma seguindo o enlace da imaxe.