Difundimos este proxecto de investigación sobre o "Feismo" proposto polo Departamento de Ciencias Sociais do CPI Virxe da Cela. O alumnado da ESO procurou exemplos arquitectónicos nas súas propias parroquias. O "feismo" é un termo informal e ambiguo empregado para caracterizar certo estilo construtivo do meido urbano e, especialmente, do medio rural galego.
O alumnado de 2º da ESO elaborou na materia de Ciencias Sociais este interesante catálogo de animais fantásticos, un xeito de abordar de maneira interdisciplinar a lectura do libro "Dragal, a herdanza do dragón", de Elena Gallego Abad (Proxecto Dragal).
Os alumnos/as de 1º e 2º da ESO fixeron papel reciclado no laboratorio que logo se utilizou para expoñer os traballos sobre a Bioloxía de Dragal, co obxectivo de participar na conservación e mellora do medio natural aplicando os principios do reciclaxe e reutilización de materiais elaborados polo propio alumnado. Departamento CCNN.
BIOLOXÍA DO DRAGAL
A partires da lectura de “Dragal” os alumnos/as de 1º e 2º da ESO investigaron a forma que fixera posible que un dragón real puidera xenerar lume de xeito natural, inventando características, alimentación e reprodución, dentro dunha “lóxica” . Os traballos fixéronse dixitalmente e, impresos en transparencias, expúxeronse sobre papel reciclado previamente elaborado por eles. O obxectivo principal desta actividade é promover a creatividade do alumno a partir dos seus coñecementos xerais sobre a fisioloxía animal. Departamento de CCNN.
As imaxes que se presentan neste espazo son unha mostra do xogo "Animalandia", elaborado polo alumnado de 1º de Educación Primaria durante o segundo e terceiro trimestre deste curso académico.
Como podedes observar, trátase dun xogo manipulativo para utilizar na aula, utilizando tarxetas con imaxes e nomes de animais. A intención deste xogo é fomentar o traballo en equipo e potenciar as destrezas de autoaprendizaxe do alumnado, e, por suposto, ir aprendendo á medida que se vai xogando, as principais características dos animais.
Lucía Rielo, a profe de inglés de EI e EP, vén de realizar un interesantísimo traballo co seu alumnado de 3º e 4º de EP na propia materia de inglés: un dicionario que recolle o nome das árbores e da fauna máis comúns da contorna das Fragas do Eume.
Cada termo exprésase en galego, castelán e inglés amais de acompañarse por unha imaxe identificativa. Como punto de partida preguntóuselle aos rapaces e rapazas que elementos coñecían da natureza das Fragas e a partires daquí iniciose a investigación.
Posteriormente cada alumno encargouse da procura de dous termos. Unha vez atopados, tiveron que cubrir unha plantilla: nomes nos distintos idiomas e imaxes.
Con esta actividade tan divertida e interesante os alumnos e alumnas poderán identificar a flora e a fauna da zona a la par que avanzarán no coñecemento tanto das nosas línguas oficias como dunha lingua estranxeira.
PROXECTO “GÚSTAME DE ONDE SON”. ESCOLAS EN ACCIÓN (REDE NATURA)
Con este proxecto pretendese acadar a implicación do alumnado, do profesorado e do conxunto da comunidade educativa no deseño e desenvolvemento dunha serie de actuacións, que supoñan a posta en valor do patrimonio natural imprescindible para o desenvolvemento, tanto social, económico como cultural da contorna. Centrase este proxecto nas Fragas do Eume, que presenta unhas características singulares que forman parte da identidade cultural de tódolos veciños.
Realizaranse actividades nas aulas que permitan identificar as peculiaridades deste espazo e outras para desenvolver no entorno familiar que permita identificar a riqueza natural, patrimonial, económica, … deste espazo natural.
Tamén se estudan as problemáticas ambientais deste espazo e a súa repercusión no medio.
Yolanda Castro, a nosa estupenda profe e magnifica cineasta.
Dito proxecto presentouse no Paraninfo da Coruña no I Congreso Escolar "Rede Natura 2000. Escolas en Acción", organizado pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, co apoio técnico do CEIDA. A celebración deste Congreso deu a oportunidade de visibilizar os proxectos desenvolvidos durante o Curso 2014/2015 sobre a Rede Natura 2000 polos centros educativos de Galicia participantes.
Facer PAPEL reciclado foi outra das nosa actividades. Así que, colaborando as tres etapas educativas, embarcámonos na aventura e… este foi o resultado:
O alumnado de 4º de primaria do CPI Virxe da Cela realizou esta actividade dentro do proxecto Somos paisaxe, somos vida. Consistiu na busca de información na internet das árbores que poboan as Fragas do Eume centrándose nas características máis importantes de follas, froito e flor así como na súa utilidade para as persoas e animais que os rodean. Posteriormente elaborouse unha presentación e unha serie de actividades coa aplicación de creación de contidos Ardora.
Realizándose esta actividade tratouse de acadar os seguintes obxectivos: coñecer as características máis importantes da flora da nosa contorna; elaborar diferentes materiais en lingua galega; aprender a respectar e coidar o medio que nos rodea e fomentar o emprego das novas tecnoloxías.
O tempo voa na nosa redacción (Laboratorio Radiofónico con Lucía Abarretegui e Sergio Pascual) e a nosa radio recibe ós redactores de 5º e 6º de primaria. Con Informativo positivo o achegámonos á figura do editor, aquel que decide qué información entra no programa e, moi importante, en que orde. Para que todo vaia ben terá que facer traballo en equipo cos redactores e productores. Neste caso por levar á contraria ós informativos convencionais, facemos un boletín cheo de novas boas: "Solidariedade para os nenos con cancro", "Na agricultura participan as mulleres", "Aínda que pareza mentira os españois reciclan", e "A riqueza das familias aumentou".
O 26 de febreiro de 2015 fomos coñecer un muíño que está perto do colexio e que foi restaurado recentemente polos seus donos: o muíño de Calaza. Xuntámonos no cruce do Xestal con Constantino, un veciño, e con Magdalena, nai de Laura de sexto de primaria.
Sen saír do punto de encontro, Constantino contounos cómo cambiou o Xestal. Antes era unha aldea na que se podía vivir sen saír dela en todo o ano. A agricultura e a gandeiría proporcionaban unha economía de subsistencia para todas as familias, e non faltaban artesáns que producían o necesario para os seus veciños: costureiras, zoqueiros, ferradores, cesteiros, había médico, veterinario…, áta había un salón no que se reunía a xuventude os fins de semana para botar uns bailes. Pouco a pouco, como en toda Galicia, a xuventude foi marchando en busca dun futuro mellor, ou iso pensaban, quedando moitas casas baleiras. Na súa cara poidemos observar como botaba en falta a vida que nun tempo rebulía na zona.
De camiño ó muíño, descubrimos o mal adaptados que estamos xa ó noso entorno e comprendimos a Constantino cando nos falaba dos traballos que pasaban de pequenos acompañando o gando ó monte…, nos xa non sabíamos andar polo medio dos toxos. No medio do camiño descubrimos unhas colmeas que Constantino foi visitar. Algúns dos rapaces intentaron seguilo e aprendemos que as abellas non deben ser molestadas, algo que por experiencia sabían os nosos acompañantes maiores por estar máis en contacto coa natureza. Unha vez rematadas as explicacións do funcionamento e postos os nomes a cada peza do muíño, dispuxémonos a saír, non sen antes pedirlles ós nosos guías unha foto para a posterioridade, ó tempo que agradecíamos as súas explicacións. Unha sorpresa nos agardaba aínda. Agochado detrás da porta atópase o burro, unha especie de guindastre que servía para que unha soa persoa poidera quitar as moas do muíño e arranxalas para que moeran mellor. Foi difícil marchar de alí. Os nosos guías eran un pozo sin fondo de sabiduría e xenerosidade. O estar con eles comprobamos o dito africano: Fai falta un pobo para educar a un neno. Adeus, Manuel.
Recollemos a túa invitación a disfrutar noutro momento do teu muiño. Moitas grazas pola túa acollida e sinxeleza. E moitas grazas tamén por restaurar e poñer a disposición de todo aquel que queira a túa propiedade.
Chegados ó muíño fomos recibidos por Manuel de Calaza e o seu fillo Germán… E xa empezaron as sorpresas. Esa ponte sobre a que estamos colocados, está formada sobre unha única pedra de pizarra que Manuel axudou a levar no seu momento. Con atención seguimos as explicacións de Manuel, que nos explicou o que era a maquía, unha forma de pago ó muiñeiro que consistía en dar parte da fariña que se sacaba do gran. Tamén nos demos conta do valor da “palabra”. Os clientes deixaban o saco á porta do muíño aínda que non estivera o muiñeiro e recollía a fariña ó día seguinte, tamén sen necesidade de que estivera o muiñeiro. Manuel explícanos como decidiu arranxar o muíño, poñelo de novo en pé despois de que o tempo sen uso o deixara sen teito, sen portas… Na súa cara pódese observar a ilusión de compartir cos veciños a súa propiedade, e non só cos veciños, senón con calquera que queira pasar un día de lecer baixo cuberta e rodeado de natureza. Por fin chegou o momento de ver se a restauración chegaba tamén ó mecanismo do muíño. Vimos como a forza motriz da auga, cun respecto absoluto pola natureza, era capaz de triturar o gran. Nese momento fomos conscientes de como debía ulir aquel lugar nos seus mellores momentos, xa que un lene olor era despedido polas moas ou pedras do muíño.
O libro imaxinario que está na mente dos rapaces de 3º e 4º do CPI Virxe da Cela de Monfero. Un libro que inda non está escrito pero que ninguén sabe se no futuro terá a súa propia edición. Unha vez máis a radio amósase como ese artiluxo que xera maxia e todos sabemos que os rapaces devecen pola maxia.
A bañarse
A princesa que soñaba con ser princesa: As voces destes meniños de 1º de primaria dan luz a este conto dunha princesa que soñaba con ser princesa.
Un mundo sen papel: É posible que no futuro desapareza o papel? Onde debuxarán os nenos? Tiraranse ao lixo os libros? Ninguén escribirá a man? As solucións atoparédelas neste conto dos alumnos/as de 3º e 4º de Primaria.
Pedriño e os animaliños: Recreando o conto de Pedriño e os animaliños, por parte do alumnado de 2º de Primaria. Vivan o can e o gato: Os rapaces e rapazas de 2º de primaria do CPI Virxe da Cela deixan voar a súa imaxinación e para elo fan un conto chamado "Viva o can e o gato".
O conto dos Xogos Olímpicos: Os rapaces de 1º do CPI Virxe da Cela nos contan un conto pero, un momento, ¿non eran os maiores os que contaban contos para que os nenos durmisen? aquí cambia a historia, os nenos contan contos ós maiores para que esperten.
A radio chega a Monfero, á súa escola porque a radio non ten cancelas, non ten idades...só require da voz e da naturalidade da que estes meniños van cheos. Visión dos rapaces de primaria do CPI Virxe da Cela. Definicións puras e auténticas, a base de inxeniosas e inocentes respostas.
Que é a Operación Pokemon: 5º e 6º de Primaria: Que é un político? 1º e 2º de Primaria:
Que é un rei? 1º e 2º de Primaria:
Que é unha mesa? 1º e 2º de Primaria:
Que é internet? 1º e 2º de Primaria:
Que é o que máis lle gusta aos rapaces de 1º e 2º do CPI Virxe da Cela? Contan neste audio como son, que lles gusta, que queren, ser...
Despois de visitar o muíño de Calaza, despois de coñecer o “burro” sentimos a necesidade de buscar nas nosas casas aqueles aparellos, que hoxe en día xa quedaron obsoletos e que moitas veces nos resultan xa descoñecidos, incluso non sabemos xa o seu nome. Así os rapaces de quinto e sexto nos fomos de “caza” fotográfica… parte das nosas adquisicións se atopan nas diapositivas que seguen. Como sabemos, «o que non se coñece non se ama», e como nós amamos o noso terruño, e a nosa xente, o mellor que podemos facer é buscar o coñecemento do que nos pertence. Todos estes vestixios do pasado e tamén os sucesos do día a día, sonnos revelados polos nosos maiores e nós debemos facer de correa de transmisión e de gardiáns destes tesouros que nos conforman como sociedade cunhas características determinadas.
Dende a área de lingua galega plantexámonos unha recopilación de refráns, ditos e lendas da zona por parte dos rapaces de sexto valorando o patrimonio inmaterial da nosa sociedade. Os rapaces fan memoria daqueles refráns que escoitaron a miudo na casa e ilústranos ó tempo que ofrecen unha explicación do seu significado. Esta tarefa foi realizada por todos os alumnos. Sen embargo a recopilación de lendas costoulles máis traballo quedando apenas iniciada e terá a súa continuidade no vindeiro curso.
Imaxinemos a vida na Galicia rural de fai décadas, cando todo era choiva, frío, escuridade e as xentes quedaban pola noite á carón do lume a contar historias de medo, escoitando de lonxe os aullidos dos lobos e o vagar da Santa Comapaña. Felipe Díaz, coñecido artísticamente como "Catoxo", evocounos eses tempos antergos, na sesión de contacontos “Cando petan na porta pola noite” ( un título moi evocador tomado do libro de relatos de Xavier P. Docampo editado por primeira vez en 1994), dirixida ao alumnado da ESO e realizada o pasado martes 6 de outubro de 2015.
E…que mellor que contar os nosos medos e fobias para ir abrindo a sesión? Falamos da aracnofobia, agorafobia, bibliofobia, claustrofobia e outros tipos de fobias ou medos que nos poden chegar a paralizar. Fixemos un percorrido pola xeografía galega para encadrar as historias de Xavier P. Docampo, visitando desde a Terra Chá ate espazos moito más próximos á nosa contorna, como a Serra da Loba, Cambás e Aranga. Precisamente nesta zona transcorre o conto de “A loba”, unha historia de amor entre Silvestre e Isaura cun tráxico final. E quedamos sen saber o final do conto “O cumpremortes”, así que agora toca descubrilo a través das páxinas do libro. Cataxo arrincou gargalladas entre o público coa súa espontaneidade, a riqueza da súa fala e o seu estilo peculiar, mais algunhas risiñas nerviosas foron conta do medo…
O Pico Sacro, en Boqueixón, é un lugar máxico cargado de mitoloxía. Din as lendas xacobeas que o corpo do Apóstolo Santiago, antes de chegar a Compostela, tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. Por iso se elixiu este espazo para celebrar a xuntanza final do Proxecto Dragal (venres 16 de outubro de 2015), no que participou o noso centro escolar o pasado curso académico 2015-2016.
Así que, uniformados e totalmente equipados con escudos e espadas, os rapaces de 2º e 3º da ESO acudiron á cita marcada o 16 de outubro de 2015, dispostos a loitar pola Fraternidade do Dragón. Neste caso a forza non era o importante, senón máis ben a estratexia, a lóxica, o traballo en equipo, a orientación e outras capacidades que ben tiveron a oportunidade de amosar o alumnado do noso centro…
Durante horas estivemos percorrendo pistas labirínticas do Pico Sacro, atopándonos por momentos con outros centros educativos e combatendo con ansia ate ir acadando as pedras preciosas que unha vez sumadas leváronnos ao primeiro posto deste xogo de rol. Non conseguimos máis premio que a satisfacción de facer as cousas o mellor posible e sentirnos vencedores da xornada, e ben contentos marchamos cos nosos diplomas debaixo do brazo. Realmente foi unha xornada moi divertida que deixará por moitos anos a lembranza nas nosas memorias!
Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro.
Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos.
E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.
Pasaron xa catro meses desde que os rapaces e rapazas de 2º e 3º da ESO do CPI Virxe da Cela visitaron o Pico Sacro, en Boqueixon, para participar na Xuntanza Final do Proxecto Dragal (venres 16 de outubro de 2015). Durante horas estivemos percorrendo pistas labirínticas do Pico Sacro, atopándonos por momentos con outros centros educativos e combatendo con ansia ate ir acadando as pedras preciosas que unha vez sumadas leváronnos ao primeiro posto deste xogo de rol.
Houbo un traballo previo moi importante no que o noso alumnado investiu moitas horas: a construción das espadas e escudos que representaron ao noso centro.
Aproveitamos pois para facer unha exposición de todos estes obxectos construídos para a ocasión, que xunto coas imaxes tomadas no Pico Sacro axudaranvos a facervos unha idea do desenvolvemento da actividade, e seguro que algún/ha aproveita a ocasión para facer algunha “batalla campal” nos corredores da nosa escola!