29 de marzo de 2016

MAGOSTO



Outono. Os días van a menos, as tardes frías e de choiva convidan a refuxiarse baixo un teito ao calor da lareira, contando historias e comendo castañas asadas. No noso colexio, o CPI Plurilingüe Virxe da Cela, continuamos a recuperar as nosas tradicións e o noso patrimonio inmaterial, antes de que o tempo e a civilización moderna o acabe deixando no esquecemento.

Quixemos pois dedicar unha tarde para a celebración do Magosto. As nosas ben queridas cociñeiras puxeron o forno a punto para preparar quilos e quilos de castañas asadas que deron para comer ata fartarse e incluso sobraron para facer unha pila de xogos populares cos que amenizamos esta tarde tan especial. Como podedes observar nas fotografías, o alumnado e profesorado de educación infantil e educación primaria gozaron deste tempo lúdico e demostraron que os xogos, non por sofisticados e tecnolóxicos, teñen que ser máis divertidos e amenos, e que un simple lote de castañas, unhas cortas, uns vasos ou uns globos, dan para pasar un par de horas do máis divertido!!!

Utilizamos como “pista” para os xogos o patio cuberto do noso colexio, e lembramos a nosa profe de educación física do ano pasado, Lucía Trillo, quen levou a cabo a iniciativa de facer marcas no chan para delimitar espazos e tamén para debuxar permanentemente algúns xogos tradicionais como é a mariola, o brilé, etc, 

ALGO TERRIBLE OCORRE NO CPI VIRXE DA CELA...

Este curso, con motivo do Samaín/Halloween, o alumnado do centro convertiu cada rincón, cada espazo.... nun horror... co obxecto de gañar un concurso no que se lles fará entrega dun recoñecemento escalofriante.
Nos corredores voan as pantasmas, na biblioteca resucitan  aos mortos... Qué máis pode o
correr?
O xoves 29, dous maquivélicos tribunais avaliadores valorarán qué grupos serán os gañadores de tan dura batalla forxada con esqueletos, teas de araña, morcegos, cabazas, bruxas....

Parabéns á nosa orientadora Verónica Del Río, quen foi quen de mobilizar a todo o CPI Virxe da Cela para celebrar o Samaín máis terrorífico na historia da nosa escola… Non queremos esquecer, por suposto, toda a colaboración ofrecida desde o Departamento de Plástica, así como dos titores/ras, xa que sen o seu apoio esta proposta non tería a magnitude que chegou a alcanzar. Mais, os auténticos protagonistas foron de novo os rapaces e rapazas dos diferentes cursos e niveis, que mostraron unha vez máis a súa grande creatividade, motivación e ganas de traballar en equipo… Ben merece a pena unha visita polos corredores do noso colexio para observar as portas das diferentes aulas, decoradas coas creacións dos nosos alumnos/as. E por ningún motivo deixedes de achegarvos á biblioteca escolar e atravesar o fantasmagórico camposanto coas lápidas dos máis ilustres escritores… Mete medo. Esperemos que á dirección do noso centro non decida utilizar este maquiavélico espazo como aula de mellora. Máis nos vale portarnos ben… mais este comentario sobra, xa que o noso centro caracterízase polo bo clima de convivencia e pola calidade humana do noso alumnado. Estamos orgullosos de vós!

PREMIOS SAMAÍN 2015



Non foi nada doado tomar a decisión dos gañadores no concurso de portas de Halloween/Samain. O traballo do noso alumnado, a implicación, actitude positiva, compañeirismo, e ilusión puxéronnos  as cousas realmente complicadas.
Afortunadamente, a colaboración de Álvaro, o noso conserxe, María Xosé como representante do profesorado de Primaria, Marta coma representante do de Secundaria, Verónica, orientadora, e a inestimable participación de Nina e Diego, representando ao alumnado do centro, todos eles membros do tribunal avaliador, posibilitaron a toma de decisións.
E.... os gañadores foron.....


DE INFANTIL E PRIMARIA... Os alumnos e alumnas de 6º! Pola magnífica e creativa representación do duro camiño cara a temida ESO.

E, en Secundaria.... Os alumnos de 2º ESO! pola súa orixinalidade e minuciosidade no traballo...


A todos e cada un dos que participástedes cun sorriso, noraboa e agradecemento do profesorado.

A educación que cambia o mundo

O 10 de decembro celebrouse o Día dos Dereitos Humanos, e para conmemorar esta data tan importante os alumnos e alumnas da ESO realizaron unha actividade de contacontos para os nenos e nenas de infantil e primaria.
A través do conto “Antón, o neno que non quería ir á escola”,  descubrimos á importancia do Dereito á Educación, o que supón non saber ler nin escribir e a sorte que temos de poder ter uns mestres e mestras que nos ensinan tantas cousas. Tamén nos axuda a comprender que debemos  aproveitar a oportunidade que temos de ir á escola e esforzármonos por aprender para ter un futuro mellor, non como Antón, o protagonista do noso conto, que non tiña ningún interese en aprender ata que descubríu o importante que era saber ler.
Hoxe en día a pesar de que o dereito á educación está ampliamente recoñecido en numerosas Convencións e Tratados Internacionales, hay 57 millóns de nenos  e nenas en todo o mundo que non van á escola e outros  tantos reciben unha educación discontinua ou deficiente.
Nós temos garantido este dereito, en outros países non o teñen. Aproveitemos a oportunidade que temos de poder aprender e denunciemos  ao mesmo tempo o incumplimento do Dereito á Educación que se está a dar en tantas partes do mundo.
E para rematar a actividade os rapaces e rapazas da ESO agasallaron a cada unha das aulas cunha  pequena semente que simboliza á Educación, e explicaron aos nenos/as que esta semente, despois de cuidala e abonala, dará o seu froito, como o fará a educación que recibamos cada un de nós.



Aquí vos deixamos o conto de Antón, o neno que non quería ir á escola.


Dar as grazas as alumnas de 4º ESO do CPI Conde de Fenosa (Ana Martínez, Mayolla Martínez, Paola Toribio, Alba Teijeiro e Lara Rey) que foron as que crearon e ilustraron o conto de Antón e o compartiron con nós. O CPI Virxe da Cela e o CPI Conde de Fenosa colaboran no intercambio de materiais, recursos e actividades, así como na realización de actividades dinamizadoras.

GALA DE ENTREGA DE PREMIOS DO VI FESTIVAL DE CINE OUFF ESCOLA DE OURENSE


 Parabéns a todos aos alumnos e alumnas que participáchedes no traballo, aos que estades no centro e aos que estabades o ano pasado en 4º ESO que  fuchedes  parte principal na realización deste proxecto. 


Nesta edición do certamen   concurreron  124 traballos de centros de Enseñanza Primaria e Secundaria de toda Galicia. A entrega de premios tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense o luns  16 de Novembro de 2015.


O OUFF escola, é un concurso que ten como obxectivo o fomento da participación do alumnado en proxectos audiovisuais, impulsar a creatividade, o traballo en equipo e o uso do idioma galego. Tamén pretende potenciar   a utilización das tecnoloxías da información e comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra audiovisual feito nas aulas.

O CPI Virxe da Cela entre os finalistas do VI Certame de Cinema OUFF Escola enmarcado dentro do festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).


Noraboa a todos e todas polo traballo realizado e aínda que non acadamos o premio final , xa somos uns gañadores por chegaren ata aquí.