6 de xuño de 2017

"A vaquiña polo que vale": velaí unhas liñas sobre o programa interxeracional e o do leite.

 Ao longo do curso, aula de 4º de primaria do CPI Virxe da Cela pasou a ser, nas sesións do obradoiro de radio, interxeracional. Veciños e veciñas da zona, traballaron conxuntamente co alumnado para sacar adiante dous programas de radio. O primeiro, foi sobre Carlos Casares, o autor homenaxeado nas Letras Galegas e o segundo sobre o Patrimonio Cultural Inmaterial da zona. Ademais, esta experiencia tivo o engadido de coprodución radiofónica co alumnado de 2º da ESO do Castro Baxoi de Miño. 

O traballo cooperativo foi a base deste proxecto onde maiores e pequenos traballaron en relación de iguais xerando contidos relacionados coas festas, tradicións e lendas. Ademais, tamén houbo tempo de falar dos modos de vida tradicionais, costumes, lembranzas e xogos de antes. 

Por outra banda, o programa é unha achega aos diferentes tipos de patrimonio, poñendo especial interese no patrimonio natural. O marco no que se desenvolveu esta experiencia é un xeito de promover unha educación para o desenvolvemento e amosar como a radio e a educación poden contribuír na creación dunha sociedade para tódalas idades. Esta experiencia forma parte dun proxecto de investigación que quere amosar as potencialidades da radio para xerar aprendizaxes interxeracionais e pode consultarse a través do blogue www.radiointerxeracional.wordpress.com

 Do mesmo xeito, o contacto cos maiores facilitou o traballo do grupo de 5º e 6º de primaria que elaboraron un programa arredor do mundo leiteiro no que se recollen reportaxes sobre a visita que fixeron a unha granxa e unha queixería da zona. O programa tamén inclúe a entrevista a un veterinario e a dúas avoas que se adicaron, no pasado, ao mundo do leite e unha nai que hoxe en día ten unha pequena explotación. 

O proceso de investigación, o contacto coas fontes directas e a recollida de sons e voces permitiron ao alumnado traballar dun xeito cooperativo, valorar aos maiores como fontes de sabiduría, pero tamén como persoas activas e con capacidade de traballo, achegarse ao mundo do leite, moi presente na contorna, e facelo dun xeito creativo e dinámico. Este programa fíxose no marco do proxecto multidisciplinar A vaquiña polo que vale.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario