18 de xuño de 2017

"A Vaquiña polo que vale": Premios Aprendo Programando

Finalmente o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) entregou os galardóns da segunda convocatoria do seu Concurso de Scratch Aprendo programdo, unha iniciativa dirixida a fomentar nos escolares o interese polo desenvolvemento informático, ou sexa, por construír coas súas propias mans a Sociedade do Coñecemento botando man da ferramenta Scratch.  

O certame tivo como temática, para nesta segunda edición, “convivir en igualdade”  e estivo patrocinado por El Corte Inglés e Alvarellos Editora. A cita foi o sábado 17 de xuño e celebrouse no El Corte Inglés de Santiago. No acto de entrega de recoñecementos participaron algo máis de 70 persoas entre as que se atopaban os rapaces premiados acompañados na súa maioría dos seus pais e profesorado dos centros. 

O acto estivo presidido por Marcos Mata, presidente do CPETIG; Maximino Tuñas, responsable de Sistemas de Información El Corte Inglés Santiago; e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.

Así, o xurado do II Concurso de Scratch Aprendo Programando, emitiu o seguinte fallo:

Na categoría de primaria, o 1º premio recaeu no proxecto  Farm Adventure do grupo Os5imparables do centro CPI PLURILINGÜE VIRXE DA CELA baixo a supervisión de Camino Pereiro González. e o 2º premio no Proxecto As inventoras do grupo gijasaed do centro CEIP SAN MARTIÑO baixo a supervisión de Ángeles Martín Méndez
En canto á categoría de secundaria, o 1º premio acadouno o Proxecto Convivir no Mestre Landin do grupo MLprogramers do centro IES MESTRE LANDIN baixo a supervisión de Héber Jaime García Fernández e o segundo premio foi para o proxecto Proxecto IgualDado do grupo 2ºESO do centro IES CARLOS CASARES baixo a supervisión de Almudena Rouco Vilar

O concurso é unha actividade máis das que ven realizando o CPETIG nos últimos anos de cara a difundir os valores da programación entre os nenos, os seus pais e os seus formadores.
Ferramenta que promove o pensamento creativo
Scratch é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.
Entre os obxectivos do concurso esta “fomentar a aprendizaxe no desenvolvemento de aplicacións informáticas con Scratch; comprender a potencia do seu uso como ferramenta didáctica; favorecer metodoloxías e casos de éxito da ensinanza da programación con este software; e desenvolver estratexias de integración da programación con Scratch en distintas etapas e disciplinas educativas”.
Toda a información do concurso está habilitada na web específica do CPETIG, aprendoprogramando.cpetig.org.









Ningún comentario:

Publicar un comentario