VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016
Sabemos que é un enorme esforzo realizado durante semanas, pero está claro que vale a pena. Van xa oito as edicións de Rastro Solidario efectuadas no CPI Virxe da Cela durante os últimos anos, e nestas últimas combinándose a Operación Quilo. Con moita ilusión alumnado e profesorado do centro visitaron o Rastro o pasado venres 18 de marzo de 2016, facendo as compras dos obxectos alí expostos por medio de troco con alimentos.
Unha boa pila de caixas están agora esperando a ser levadas á Cociña Económica de Ferrol, ao igual que unha significativa axuda en metálico de 159 euros recadada á base de donativos.
Queremos agradecer públicamente a colaboración da AMPA difundindo esta actividade e destacando a presenza de pais e nais que axudaron durante toda a mañá a organizar os alimentos en caixas e a facilitar as comparas dos mais pequenos (Jaime M. Caamaño, María José Varela, Elena Sanjuán e Sandra).
Nesta xornada tan especial completamos o día con dous obradoiros de Comercio Xusto e Consumo Responsable impartidos por Solidariedade Internacional Galicia, así como dun programa radiofónico especial sobre o Rastro Solidario, dirixido por Lucía Abarrategui y Sergio Pascual, a través do Laboratorio Radiofónico, e guiado polo alumnado de 4º e 5º de primaria.
Contamos tamén con importantes visitas, como de Beatriz Varela (Fundación Ayuda en Acción), a nosa ben querida exalumna Anaís, que veu acompañada pola súa avoa. E, ao final do día, deixáronse ver un grupiño de exalumnos/as que na actualidade están a cursar os seus estudios nos institutos de Betanzos, que saudaron cariñosamente ao profesorado e participaron incluso nos obradoiros que estaban a realizar o alumnado de 3º e 4º da ESO, mentres os rapaces e rapazas de 1º e 2º da ESO traballaban organizadamente para desmantelar de novo o “chiringuito” e deixar os obxectos sobrantes en caixas esperando á próxima edición do Rastro.
O venres 18 marzo de 2016 o alumnado da ESO do CPI Virxe da Cela recibiu un obradoiro de Comercio Xusto e Consumo Responsable impartido por Ana Lampón, técnica da ONG Solidariedade Internacional Galicia, xunto con Elisangela Silfa, voluntaria nesta organización e que na actualidade está en Galicia cunha beca do seu país, República Dominicana, realizando o Mestrado Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares e Socioeducativas na Universidade da Coruña.
Transcribimos aquí as palabras de Ana Lampón describindo a actividade:
O obradoiro de Consumo Responsable ten a finalidade de que nos demos conta da importancia que ten o consumo nas nosas vidas, dende que nos levantamos ata que nos deitamos estamos consumindo. De aí a importancia de reflexionar sobre os nosos xeitos de consumir.
O consumo responsable é aquel que se basea na elección de produtos non solo pola súa calidade e o seu prezo, senón tamén polo impacto social e ambiental, pola conduta das persoas e/ou empresas que o elaboran. Tamén implica consumir menos, soamente o necesario para un bo vivir, e estar a atentos á publicidade para saber como nos crea falsas necesidades.
A actual sociedade de consumo, pretende facernos crer que a nosa felicidade se consegue comprando e consumindo sen sentido, polo que traballar cos mozos e mozas estas temáticas é tan importante, sobre todo proporcionando alternativas como poden ser o Comercio Xusto, o consumo ecolóxico, de proximidade, a economía social ou solidaria, etc. Sobre os contidos, traballamos na identificación e diferenza entre necesidades e desexos, os conceptos do comercio tradicional como as multinacionais ou a deslocalización, os dereitos dos produtores dos países empobrecidos, etc.
A resposta das mozas e dos mozos da ESO do CPI Virxe da Cela foi excelente, participaron moi activamente nas dinámicas e actividades propostas, implicáronse na procura de solucións aos problemas plantexados, e levaron moi ben os contidos do taller á práctica da vida cotiá. Cabe destacar que, en xeral, son un alumnado moi concienciado e solidario. Ana Lampón. Solidariedade Internacional Galicia
Crónica obradoiros comercio xusto e consumo responsable from satelite1
ESPECIAL RADIOFÓNICO VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016
ESPECIAL RADIOFÓNICO VIII RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2016
Ningún comentario:
Publicar un comentario