3 de abril de 2016

CAMPAÑA GLORR 2015



Estamos aínda aterrizando neste inicio de novo curso académico 2015-2016 e podemos comprobar que a comunidade educativa do CPI Virxe da Cela segue a participar activamente en todas e cada unha das campañas desenvolvidas no noso centro educativo. Nesta ocasión unímonos de novo á proposta da organización Glorr, con quen xa colaboramos en anos anteriores recollendo roupa e calzado usado.

 A fase inicial, a de sensibilización, foi levada a cabo polo alumnado de 2º da ESO, visitando as aulas do colexio, repartindo bolsas para esta operación e cartas informativas ás familias co obxectivo de fomentar a implicación dos rapaces/zas e profesores/as. Para nós o importante é abrir os ollos e decatarnos de que existen grandes desigualdades sociais e que na actualidade moitas familias están atravesando unha situación crítica, e ser conscientes de que dun día para outro a nosa situación de confort e benestar pode dar un xiro de 180 graos. 

Temos por tanto que reaccionar e facer aínda que sexa un pequeno xesto, e unindo forzas tratar de cambiar esta situación. Durante varias semanas numerosas bolsas de roupa fóronse apilando na entrada da nosa escola, e finalmente os operarios de Glorr achegáronse ao noso centro para recoller nunha furgoneta todas estas prendas de roupa e calzado que farán chegar a outras persoas máis necesitadas. 

Grazas de novo pola vosa colaboración. Monferosolidario 

Ningún comentario:

Publicar un comentario