22 de abril de 2014

SOMOS PERIODISTAS: EMISIÓN RADIOFÓNICA VI RASTRO SOLIDARIO E OPERACIÓN QUILO 2014


http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/alumnos-cpi-virxe-da-cela-monfero-realizan-programa-radio-solidario/20140421002227082721.html
                                   www.diariodeferrol.com (Pica na imaxe para ver a noticia)


A celebración do VI Rastro Solidario e Operación Quilo 2014 supón un día moi especial para o CPI Virxe da Cela. O venres 11 de abril de 2014 o noso centro realizou unha xornada de portas abertas, e ademais dos nenos e nenas, profesores e profesoras, os corredores recibiron a visita de familias, que se achegaron á nosa escola para participar activamente nesta actividade. Coincidindo coa realización do obradoiro de radio “Laboratorio Radiofónico”, que se vén desenvolvendo todos os venres no noso centro desde o pasado mes de febreiro e dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 4º da ESO, tivemos a idea de realizar unha gravación especial dedicada á VI Edición do Rastro Solidario e Operación Quilo 2014.
Os rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria, dentro das actuacións do proxecto "Sostenibilidade e paisaxe" entrevistaron a Belén e Yoli, dúas das nais que viviron de cerca esta experiencia: dedicaron parte do seu tempo axudando aos máis pequenos a elixir os obxectos e realizar o troco de alimentos, axenciáronse a cámara de fotos para documentar a actividade, e incluso unha delas aportou gran cantidade de bisutería realizada artesanalmente utilizando as cápsulas de nespresso e que tivo grande éxito de vendas… Aproveitando a visita de Mª José e Bea, da Fundación Ayuda en Acción, fixémoslles tamén unha entrevista para ver o seu punto de vista. Ambas agasallaron ao noso centro cun montón de críticas positivas, e sabemos que o convenio de colaboración coa Fundación Ayuda en Acción que firmamos o pasado mes de decembro de 2013 vai dar moitos froitos.

Tamén entrevistamos a Verónica, unha das profes coordinadoras de Monferosolidario, que resaltou a importancia desta actividade para sensibilizar a toda a comunidade educativa, e contamos tamén cos comentarios de varios alumnos e alumnas, que amosan grande entusiasmo e satisfacción ao sentirse partícipes dunha acción que vai axudar ás persoas máis necesitadas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario