29 de marzo de 2016

ENCONTRO FINAL DRAGAL EN PICO SACRO (BOQUEIXÓN)



O Pico Sacro, en Boqueixón, é un lugar máxico cargado de mitoloxía. Din as lendas xacobeas que o corpo do Apóstolo Santiago, antes de chegar a Compostela, tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. Por iso se elixiu este espazo para celebrar a xuntanza final do Proxecto Dragal (venres 16 de outubro de 2015), no que participou o noso centro escolar o pasado curso académico 2015-2016.
Así que, uniformados e totalmente equipados con escudos e espadas, os rapaces de 2º e 3º da ESO acudiron á cita marcada o 16 de outubro de 2015, dispostos a loitar pola Fraternidade do Dragón. Neste caso a forza non era o importante, senón máis ben a estratexia, a lóxica, o traballo en equipo, a orientación e outras capacidades que ben tiveron a oportunidade de amosar o alumnado do noso centro…
Durante horas estivemos percorrendo pistas labirínticas do Pico Sacro, atopándonos por momentos con outros centros educativos e combatendo con ansia ate ir acadando as pedras preciosas que unha vez sumadas leváronnos ao primeiro posto deste xogo de rol. Non conseguimos máis premio que a satisfacción de facer as cousas o mellor posible e sentirnos vencedores da xornada, e ben contentos marchamos cos nosos diplomas debaixo do brazo. Realmente foi unha xornada moi divertida que deixará por  moitos anos a lembranza nas nosas memorias!



  Fomentar a lectura na escola e facelo en galego dun xeito atractivo para os adolescentes non é un reto doado, aínda que traballos literarios como a triloxía Dragal da escritora Elena Gallego Abad, pensada para un público xuvenil, están a facer máis fáciles as cousas. Así o pensan nos institutos que participan este ano no Encontro Dragal, un xogo de rol que na súa segunda convocatoria ven de reunir ás portas de Santiago a preto de catrocentos rapaces de Monfero, A Coruña, Becerreá, Verín e Vilagarcía de Arousa. Todos eles quedaron enredados nas historias que conta Gallego Abad, unha obra que tamén chamou a atención da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que puxo en marcha esta actividade coa colaboración do Concello de Boqueixón. A elección deste espazo ten moito que ver coa mitoloxía galega do dragón, xa que a lenda xacobea di que antes de que o corpo do Apóstolo Santiago chegase a Compostela tivo que sortear os enganos da Raíña Lupa e do dragón que se agochaba no Pico Sacro. 

     Facer un xogo de rol con estes vimbios foi doado. E tendo en conta o éxito do Encontro Dragal, a receita resultou de gusto dos estudantes. Proba diso foi que as lecturas da triloxía no curso pasado deron os seus froitos, coa rapazada vestida con traxes medievais e unha reprodución en viñetas das historias do Dragal para que o xogo estivese ben ambientado. Polos recunchos do Pico Sacro estaban agochados moitos cofres cheos de puntos de vida, necesarios para participar na competición e gañar bazas para a vitoria. Mentres cumprían co itinerario, os rapaces íanse atopando con personaxes da triloxía espallados por unha ruta programada por razóns de seguridade e de organización dos tempos. A maxia dos recunchos do Pico Sacro e as gañas de pasalo ben nun moi bo día para desfrutar das vistas fixeron o resto ata chegar á hora do xantar, feito para axudar a confraternización dos xogadores a base de produtos típicos. 

    E lembrando as mensaxes de que o importante é participar, todos eles recolleron un diploma por ter xogado en equipo, mentres os organizadores seguían a contar os puntos de vida recollidos polos rapaces, deixando para os vindeiros días a incógnita de cal foi o colexio gañador.




Manual de participante encontro pico sacro from satelite1

EXPOSICIÓN DRAGAL: VISITA A PICO SACRO


Pasaron xa catro meses desde que os rapaces e rapazas de 2º e 3º da ESO do CPI Virxe da Cela visitaron o Pico Sacro, en Boqueixon, para participar na Xuntanza Final do Proxecto Dragal (venres 16 de outubro de 2015). Durante horas estivemos percorrendo pistas labirínticas do Pico Sacro, atopándonos por momentos con outros centros educativos e combatendo con ansia ate ir acadando as pedras preciosas que unha vez sumadas leváronnos ao primeiro posto deste xogo de rol.

 Houbo un traballo previo moi importante no que o noso alumnado investiu moitas horas: a construción das espadas e escudos que representaron ao noso centro. Aproveitamos pois para facer unha exposición de todos estes obxectos construídos para a ocasión, que xunto coas imaxes tomadas no Pico Sacro axudaranvos a facervos unha idea do desenvolvemento da actividade, e seguro que algún/ha aproveita a ocasión para facer algunha “batalla campal” nos corredores da nosa escola!

Viva a Fraternidade do Dragón!!


Ningún comentario:

Publicar un comentario