11 de decembro de 2018

CARREIRA CAMPO A TRAVÉS

O pasado mércores 5 de decembro de 2018  celebrouse a carreira de campo a través en Vilasantar co alumnado de Primaria (dende 2º ata 6º),organizada polo departamento de E.F. de Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela e polo Coordinador de deportes do Concello de Monfero. Competiron contra outros colexios da zona, cada un e unha na súa modalidade, e o máis importante, foi unha experiencia moi boa e divertida.












27 de novembro de 2018

ALIMENTACIÓN SAUDABLE: ALGO MÁIS CUN RETO







     O pasado día martes 20 de novembro, e dentro da Escola de familias do centro (en colaboración coa ANPA) tivemos un encontro ao redor da alimentación saudable. Contamos coa presenza de Iria González, graduada en Nutrición Humana e Dietética e exalumna do centro educativo. Vimos a importancia de ter uns hábitos saudables desde as máis temperas idades, como é importante concienciar do consumo de produtos de tempada, analizamos os mitos máis comúns sobre a alimentación e vemos como os alérxenos afectan á alimentación. Foron algúns dos temas que se trataron, así como dar visibilidade a cantidade de azucres que conteñen os alimentos e non coñecemos.

27 de outubro de 2018

Misión futuro

     A Fundación Mapfre invitou ao noso centro escolar a participar na campaña “Misión futuro”, campaña que ten como obxectivos sensibilizar ao alumnado sobre a importancia do aforro e a previsión de futuro como medida de protección fronte aos riscos que poidan xurdir e proporcionar ferramentas para converterse en cidadáns autónomos e informados. Participou todo o alumnado da ESO, o mércores 24 de outubro de 2018, da man de Verónica de Ciencia Divertida, empregando materiais multimedia e Realidade Aumentada para a realización das distintas actividades, todas elas interactivas.






12 de outubro de 2018

XOAN CURIEL e a naturaza!!!!!!!


Unha vez máis tivemos a sorte de contar con Xoan Curiel no noso cole. Nesta ocasión achegounos o seu espectáculo “A casa do terror” na que xunto con dúas compañeiras se ve obrigado a durmir nunha casa encantada na que se atopan con personaxes coma o monstro da lavadora, ratatiburóns, gativampiros ou as pulgas zombis. Foi un espectáculo moi participativo no que algún do noso alumnado acabou convertido en esqueleto e outros tiveron a sorte de probar unha receita “terrorífica”.






26 de xuño de 2018

Creación dun estanque no centro

Neste curso 2017/18 o alumnado de 4º de ESO inicio a construción dun estanque no patio do colexio.

A idea é recuperar un espacio abandonado do patio para recrear un ecosistema dun estanque, con dúas rexións diferenciadas. Unha charca pequena para anbibios e outra maior con carpas.












Ademáis de introducir plantas, pedras e troncos que poidan aservir de refuxio a invertebrados e pequenos vertebrados.

As condicións meteorolóxicas unida á magnitude do proxecto fixo que non se rematara completamente, quedando pendente a decoración e introdución de especies vexetais e animais.

Polo que para o vindeiro curso continuaremos co proxecto.


O martes 15 de maio o alumnado de 1º ESO acompañado de técnicos da asociación ADEGA achegámonos o Río lambre nas inmediacións do centro para realizar un estudo da calidade da auga.Dita actividade está enmarcada dentro do Proxecto Ríos.


O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixilancia (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade. Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos.

Ademáis da toma de mostrar para valorar o pH da auga e osíxeno disolto, analizouse o estado de conservación da contorna do río.

Un aspecto importante desta visita foi a análise do estado da auga mediante o estudo dos organismos que podemos atopar no cauce do río. Tanto flora pero especialmente a presenza de invertebrados que son bioindicadores da calidade da auga.



Tras o estudoi realizado podemos afirmar que o noso río goza de boa saúde.

24 de xuño de 2018

Premios "Aprendo Programando 2018"


Por terceiro ano consecutivo viaxamos a Santiago de Compostela á resolución dos premios "Aprendo programando" que organiza o Colexio de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, Cpetig, coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e Alvarellos Editora.

A entrega de premios estivo presidida por Juan Luis Miguéns, secretario Cpetig; e por Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora.

En total, concurriron a esta III edición do certame 72 equipos de Primaria e ESO, que presentaron proxectos programados con Scratch, centrados na temática “Patrimonio cultural europeo”, proposta polo Cpetig.

O noso alumnado presentou varios proxectos, pero concretamente o que leva por título  “Viaxando por Europa” do equipo Os Microcraks  (Uxia, Antía, Eva, Adrián, Damián e Alicia) foi o que acadou o 1º premio.

Pero este recoñecemento é tamén para todo alumnado de 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria que traballaron arreo durante o curso escolar para ter preparados os seus vídeoxogos.

Parabéns tamén, ao resto de participantes e centros premiados.

Na categoría de ESO resultó gañador o centro IES de Brión –A Coruña– co proxecto “O entroido en Europa”, coordinado pola profesora Aída Fraiz. Os segundos premios foron para: “A Catedral” del CEP Sequelo e “Patrimonio europeo” do IES Ribeira do Louro.

Como premio:  un mBot, robot educativo; o libro “50 anos de baloncesto en Galicia”, editado pola Federación Galega de Baloncesto, e un lote de libros de literatura infantil e xuvenil, editados por Alvarellos.

Parabéns!!!!!

7 de xuño de 2018

Aprendo programando 2018

Este curso escolar volvemos a participar na modalidade do Plan Proxecta: Aprendo programando.

A temática dos proxectos presentados xira ao redor Ano Europeo  do Patrimonio Cultural.
Seguimos a traballar coa plataforma SCRATCH . De esta forma traballamos coa tecnoloxía, entendida non como un mero recurso, senón como elemento para crear aprendizaxe e coñecemento autónomo a partir das potencialidades persoais e grupais cun sentido inclusivo, práctico e funcional.


Queres divertirte cos nosos proxectos?



Coñecer Europa: viaxar e comprender


Instrucións
Acompaña a estes amigos na súa viaxe por Europa e aprende con eles.
Notas e créditos
Agradecemos a xente da rede poder contar con imaxes libres de dereitos para poder deseñar este programa. Somos rapazas e rapaces de 5º curso de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero.
Xiana, Pablo, Miguel, Marcos e Andrea queremos que o pasedes ben con esta historia.


Viaxeiros polo mundo




Instrucións
Contesta ás preguntas formuladas e coñece as singularidades da cultura europea.
Notas e créditos
Proxecto autoeditado e ilustrado polo grupo de alumnas e alumnos de 5º e 6º de Ed. Primaria do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero formado `por Uxia, Antía, Eva, Adrián, Damián e Alicia.

Deudores do tempo




Instrucións

Responde a cada pregunta marcando o número correspondente á resposta axeitada. Tamén debes escoitar con atención, xa que en moitas das preguntas se che dará unha breve explicación.
Notas e créditos
Brais, Bruno Caínzos, Antonio, Lucia e Silvia. 4º curso do C.P.I. Virxe da Cela de Monfero.
Para aqueles nenos e nenas con algunha dificultade na lectura, atendendo á diversidade funcional, pensamos que poderían facelo coa axuda de algún adulto que lles fose lendo as preguntas. A revisión das respostas foi gravada polo grupo co fin de que xa no momento os rapaces e rapazas souberan se atinaran ou non..., dando sempre ánimos para seguir adiante.

Así fomos, así somos



Instrucións
Le  amodiño as preguntas e escribe o número da resposta axeitada. Se te fixas é moi fácil...
Notas e créditos
Iria, Eva, Diego, Yuri Álvaro, Bruno Pereira e Marcos. 4º curso do CPIP Virxe da Cela de Monfero.




27 de maio de 2018

SEMANA DA CIENCIA E DA CULTURA

Durante os días 21, 22 e 23 de marzo realizamos unha serie de actividades dentro da Semana da Ciencia e da Cultura. Esta é unha revista que presenta un breve resumo de todas aquelas actividades.

A revista tamén a tedes en papel nas aulas e na biblioteca do cole:



17 de abril de 2018

Parroquia Ferraganchos






Na actualidade un dos piares dos retos educativos actuais, que son apoiados por moitas investigacións e prácticas educativas, é a innovación. Dita innovación se debe asentar nas potencialidades e necesidades contextuais para que esta supoña un verdadeiro cambio na realidade educativa.

De aquí parte o conxunto de actuacións que aquí presentamos, dentro do programa Introdución á robótica en Ed. Primaria e que queren ser nexo de unión entre realidade, inclusión e equidade para acadar procesos educativos de calidade que sexan quen de satisfacer as necesidades e demandas dun contexto educativo concreto.

A través das mesmas, o alumnado coñece a súa realidade e é quen de intervir na mesma con capacidade de transformación e empregando para elo os recursos propios de medio e os que lles proporcionan as tecnoloxías da información e da comunicación. Estas últimas, ademais permiten que adquiran unha perspectiva global de mellora social. Empregalas para o aprendizaxe e o coñecemento supón crear coñecemento, pero tamén contar con capacidade para difundilo e para darlle valor. Todo isto dende a responsabilidade e a reflexión crítica do que podemos ser e o que queremos ser. Valores e competencias que axudan a crear comunidade.



Pero, como o fixemos?

Para comezar introducímonos no mundo da programación coa plataforma Scratch (1º trimestre) creando xogos serios. Moi sinxelos ao principio, que progresivamente, leváronnos a despregar os coñecementos necesarios para enfrontarnos ao traballo cooperativo de montar e programar os robots (2º e 3º trimestre).

Introducímonos no mundo da robótica aprendendo que é unha máquina autónoma programada. O seguinte paso é o ensamblaxe das diferentes pezas e compoñentes vendo a finalidade de cada unha facendo especial énfase na placa electrónica. Unha vez ensamblados os robots o seguinte paso é a acción libre, na que o alumnado investiga e manexa a máquina co programa que trae por defecto. Esta é a primeira toma de contacto para poder ter unha idea inicial e xeral do funcionamento dos diferentes sensores que integran a máquina.

Nos asentamos entón, na interacción e o xogo para aprender. En la segunda secuencia de actuacións, a través das propostas incluídas do material da convocatoria e outras propostas dende os grupos cooperativos (de catro discentes) .se observa primeiramente que temos que ser quen de establecer a finalidade da acción do obxecto tecnolóxico, para posteriormente coñecer as peculiaridades e características do entorno de programación en forma de traballo por equipos seguindo a secuencia: deseño, asunción de roles, codificación dos algoritmos, entre outros.

Finalmente, expoñemos na aula, familias e comunidade os resultados obtidos.

Sobre todo este proxecto supuxo unha nova forma de ver e entender a tecnoloxía, non so como un mero recurso senón, como unha fórmula para crear coñecemento autónomo, cooperativo e real. Tamén, para achegar a comunidade educativa unha perspectiva da evolución social próxima a realidade e con perspectiva, cada vez maior, de ser parte fundamental do futuro.

Como punto final a tanta actividade participamos na SteamLab compartindo experiencias. Xenial!!!!