O pasado venres 20 de febreiro no CPI Virxe da
Cela quedamos máis que encantados coa maxia e feitizo da radio. En realidade os méritos quedan moi
repartidos…
Por unha banda temos aos rapazas
e rapaces de 4º de primaria, que amosaron un talento innato diante dos
micrófonos, guiando o programa radiofónico de principio a fin sen cortes
nin repeticións e conversando con grande
naturalidade co convidado principal. Tamén neste interesante convidado, de nome
Cristóbal Rodríguez, de profesión “xornalista” e de vocación “voluntario”,
recaen merecidos méritos, xa que explicou a finalidade deste documento que
rexistra as nosas actividades solidarias (iniciativa que descubriu en Dinamarca
fai uns anos) e contestou con moitísimo detalle a todas e cada unha das
preguntas realizadas tanto polos presentadores como polo público asistente
(alumnado e profesorado de educación primaria), e iso que algunhas delas tiñan
o seu grado de complexidade… Parabéns por tanto, e en terceiro lugar, a estes
nenos/as que durante case unha hora
estiveron atentos/as á realización deste programa radiofónico en directo e
dinamizaron coas máis variadas preguntas o desenvolvemento do mesmo.
E finalmente temos que recoñecer
a interesante labor que están levando a cabo no noso centro Lucía Abarrategui e
Sergio Pascual a través do seu proxecto “Radio Itinerante Creativa”, visitando
as nosas aulas dúas veces ao mes para impartir obradoiros a todo o alumnado do
centro (desde infantil ata a ESO) e deste xeito fomentar as súas capacidades
orais e comunicativas… E os resultados están máis que á vista, viaxando polo
espazo en forma de onda sonora…